Mostrando entradas con la etiqueta día das letras galegas. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta día das letras galegas. Mostrar todas las entradas

martes, 14 de mayo de 2024

 
 

 
 
Cando o urxente cadra co importante. A Villalta comprometida.
 
 
“A indignación común compromete a común reconstrución da dignidade.”
Libro das colunas (2005)
 

DEBILIDADE
 
Porque non son soldado nen suicida,
confeso que son débil
e que na miña debilidade
vin os ollos da morte
e tiñan o teu nome, Xerusalén,
un nome amurallado pola destrución.

Confeso que son débil
e que vivo ofuscada polo vicio da razón
que me fai ensoñar un mundo poderoso de xustiza
empezando pola miña propia rúa
e que teño o delirio imperialista
de querer chegar a dominar os que dominan
e denunciar como se esconden por detrás do muro
onde non lamentan nada
porque a dor non lles pertence.

O meu pracer é insultar os seus disparos virtuosos
e maldicer a súa epopea triunfal
consistente en non deixar medrar os nenos
que condenaron a vagar xa para sempre
entre os entullos mesturados cos cadáveres.

Ante a miña blasfemia, como en eco,
ouvín queixarse os deuses,
afeitos a eses templos suntuosos,
torcidos de dor nas cabezas como a miña
embotadas polo afán de liberdade
pedindo non ser tan cruelmente ameazadas pola paz
que se avista cabalgando na razón e na esperanza
cada día que se clama pola paz,
cada vez que o día estoupa.

Hai aínda tantos nenos esperando turno para non nacer
que se agolpan entre as pedras
mentres a voz dun deus escravo
envía lexións de anxos coas botas da milicia enfurecida
repartindo os naipes do seu propio temor.

E eu confeso que son débil,
que son moito máis débil que o odio
máis débil que a pobreza ante a riqueza innegociábel
máis estraña que o hábito vencido da represión.
Por iso pido a paz
pido a paz e un estado popular
para o pobo pobre
débil coma min en Palestina.

Podes atopar este poema en Intifada. Ofrenda dos poetas galegos a Palestina (2003)

 
 
 
 
As “tres Luísas”.
 

“Antes era mente. En Ruído xa está no corpo. Por iso fala de roturas. Cáelle o mundo en pedazos que ten que erguer. A música é outra porque aparece ela enteira. (...) En Concreto é xa música rota. Xa non é harmonía como Música reservada, senón disonancia, dispersión, como ese mundo fragmentario.”

Extraído da entrevista que Montse Dopico fixo a Eva Veiga para Abonda con vivir (2024), onde Veiga fala das diferentes etapas da poesía de Villalta.





A Villalta e o “eu”: Música reservada


O oceano e as ondas
Primeiro movimento (Allegro)

Na praia, a través do relóxio roto do sol, acumula-se a substáncia remontando o seu propio peso, riza-se en desexo puro, estremece, e rompe deixando a desvestida pel brillante da água sobre a area.
 
E outra vez, outra vez, a bandeira ondula un rizo apenas, a visión e imediato olvido para, cansado, esgotar longamente o seu retorno.

Inspirando a ameaza do seu arco, pronúncia o sonido envolvendo-o na sua própria intimidade.

Quizá lembrando-se, en curto impulso volve, e axiña se retira.

E máis ainda, até acadar o círculo do nove.

Asi a vida vai cumprindo, agrupa o horizonte, e perde-se.

Perdendo o perdido retorna e enche o seu peito rouco do nada húmido, que desce e salouca.

Pero afana unha vida renacida e o seu peito, por fin, rememora a melodía, continua esa frase que culmina en estrelas, riza un no e apiana, antes de emprender o regreso.

Que regresa ao lombo de horizontes enchidos e mantén o equilibrio un instante, antes de romper outra vez o infinito, e volver, desvastando o seu ciclo, outra vez, a dormir sobre a area.

Podes atopar este poema no seu libro orixinal Música reservada (1991) ou no libro colectivo Sempre mar. Cultura contra a burla negra (2003).


 
 
 
 
A Villalta e o mundo: Ruído

 
 
MULIER MENSURA

 
“Por que o artista, que trazou tan habilmente e con tanta verdade as faccións desta muller, non lle deu tamén a palabra? Se o fixese, agora teríamos a Agatarquis de corpo inteiro.
(Erina, século VI a.C.)


IGUAL que un tigre...
Fundida coa selva audaz antropomórfica edificada
codificada constrita construída
onde o Cazador ouvea cazado, tenta apresar-me,
pendura os trofeus sobre a nudez da distáncia
por cima da fraxilidade da vida
sobre a perplexidade dun mundo
pasivo de ensoñación,
inerte de xerminación inviolábel.
Sen consideración pospoño o deber que me guia ao longo
das rúas, como un meridiano anoado á cintura,
e salto.
Salto a rebentar da rua mesma, dun lado ao outro, coa
corda da barca da Raíña dos Mares, impulso un bambán que
se saia das horas.
Estaba o medo, é verdade, agardando nas portas sesgadas,
línguas narrando aos meus pasos contos de caramelo con
serpes de pelo longo, con poutas de carmin ensangrentadas de
parto.
Era unha tentación coa que o medo enchía o útero.
Pero a idade me aperta como un amante que non quere perder-me.
Fuximos
polo extremo do siléncio,
do vento que me aplaca os beizos,
do non existir ao cabo dun camiño esperado,
do botín e da trampa e do botín da trampa.
Igual que un tigre ignora a tigritude:
salta.

Podes atopar este poema no seu libro orixinal Ruído (1995), na escolma de Eva Veiga e Pilar Pallarés Así vou eu, formando parte (2024) e na compilación Pensar é escuro (2023).






A Villalta no mundo: Papagaio

 
Per amores (fragmento)

 
A amizade ten flor que rebenta nas paredes,
sobrevive da podremia mutua
e só precisa das fiestras abertas
onde nace e se deita o sol de dentro.
Compartir as cordas de tender a roupa
vibrantes de emoción e necesidade
por aquelas cousas que a auga e a vida
non dá lavado, pola dor que as esfrega
deteriora, volve inúteis
e entón hai que poñelas a secar
ao das bocas abertas, xanelas asustadas.
Non é amor no sentido estrito da palabra
senón amor de luz, esa grande indiferencia
que produce estar ao alcance
porta con porta, vida con vida,
coas cordas frouxas, destensadas
máis e máis a medida que a auga do tempo
amolece o tecido irreversíbel
destes nosos corpos, o único que somos.

Podes atopar este poema no volume orixinal, Papagaio, de Luísa Villalta e Maribel Longueira (2006) e na escolma de Eva Veiga e Pilar Pallarés Así vou eu, formando parte (2024).


miércoles, 18 de mayo de 2016