viernes, 16 de abril de 2021

 

O día internacional do libro celébrase o 23 de abril, pero por que esta data?

Na propia páxina web da UNESCO din que o 23 de abril é un día simbólico para a literatura mundial dado que neste mesmo día do ano 1616 morreron tanto Miguel de Cervantes (Don Quíxote) como William Shakespeare (Romeo e Xulieta), probablemente dous dos autores máis influíntes da literatura universal. Para máis sorpresa, o 23 de abril tamén coincide co nacemento ou morte de moitos outros autores relevantes como Vladimir Nabokov (Lolita).

De todo os xeitos, é isto correcto?

A pesar do que nos conta a UNESCO, a historia sinálanos algunhas imprecisións: nin Cervantes nin Shakespeare morreron o 23 de abril.

Aínda que é unha inexactitude menor, o certo é que Cervantes faleceu o 22 de abril de 1616 e foi soterrado o 23, tal e como sinala a Axencia EFE. A confusión débese a que naquela época rexistrábase a data de enterro, non a de defunción.

Con Shakeaspeare a cuestión é máis notoria. No ano da súa morte, Inglaterra aínda se rexía polo calendario xuliano, imposto polo emperador romano Xulio César. Non foi ata o ano 1752 cando os reinos de Gran Bretaña e Irlanda adoptan o calendario gregoriano, o máis estendido na actualidade. E que importa todo isto? Pois que o desfase entre o calendario xuliano e o gregoriano é aproximadamente duns 10 días. Polo tanto, no noso calendario —o gregoriano— a data da súa morte fixariámola nos primeiros días de maio, non no 23 de abril.

De todo os os xeitos, isto non é máis que unha curiosidade, o importante é celebrar esta data e conmemorar a dúas das figuras máis prominentes e influíntes da literatura inglesa, da española e universal.

No hay comentarios:

Publicar un comentario